Saturday 20 de April de 2024

Voluntarios de oito agrupacións de Protección Civil da provincia da Coruña siguen en Negreira un curso de segundo nivel de loita contra incendios


Os participantes contarán con 39 horas formativas tanto teóricas como prácticas para actuar en contornos urbanos e forestais
Un total de 19 voluntarios de 8 agrupacións de Protección Civil da provincia da Coruña comezaron en Negreira un curso de segundo nivel de prevención e loita contra os incendios urbanos e forestais, que contará con 39 horas lectivas repartidas nos sábados e domingos das tres primeiras semanas do mes de abril.

Este curso vai dirixido a voluntarios que xa teñen o curso básico realizado e que proceden das agrupacións de Ames, Negreira, Lousame, Zas, Santiago, Dumbría, Carballo e Noia. Entre os coñecementos que adquirirán os alumnos figuran os tipos de fogo, os axentes e aparellos extintores ou os equipos de protección respiratoria.

Tamén adquirirán coñecementos tanto teóricos como prácticos dos métodos de extinción de incendios, tanto os de natureza urbana como forestal, medidas de prevención e autoprotección e primeiros auxilios.

Ademais deste curso de Negreira, celebrarase en maio outro similar en Betanzos para as agrupacións do norte da provincia. A actividade formativa de segundo nivel para voluntarios de Protección Civil tamén conta con cursos de actuación en accidentes de estrada, que terán lugar na Coruña en abril e en Muxía en maio.

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta acción formativa e aproveitou para “agradecerlle aos voluntarios o seu labor altruísta, desinteresada e comprometida que contribúe a facer cada día unha Galicia mellor”.

Ademais, o delegado tamén recordou que ata o 3 de maio está aberto o prazo subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil. A dotación orzamentaria ascende a 340.00 euros e as subvencións poderán ser investidas en equipamento e vestimenta persoal de uniforme; equipos de prevención e protección; gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil e gastos de conservación, mantemento e/ou aluguer da súa base e medios de intervención, aplicacións informáticas e de comunicacións, entre outros.